O vindeiro sábado 7 de xuño, celebrarase en Culleredo unha cita moi especial para todas as idades: a feira da ciencia CULLERCIENCIA, organizada polo Club de Ciencia do CEIP Plurilingüe Ría do Burgo, coa colaboración do Concello de Culleredo.
O evento terá lugar na explanada do paseo marítimo de O Burgo, en horario de 12:00 a 19:00 h, e contará coa participación de centros escolares, institutos, facultades universitarias, agrupacións científicas e entidades como a Sociedade Xuvenil de Química, o CEIDA, a Federación de Enfermedades Raras, entre moitos outros.
Esta feira nace co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía dunha maneira amena, divertida e participativa. Haberá obradoiros, experimentos, charlas e actividades pensadas para que nenos, nenas e maiores poidan descubrir, experimentar e sorprenderse coa ciencia que temos ao noso arredor.
Dende a ANPA queremos animarvos a asistir en familia. É unha oportunidade estupenda para pasar o día aprendendo xuntos nun ambiente lúdico e educativo.

